Saturday 04 de May de 2024

Medio Ambiente e Sogama lanzan un concurso que invita aos cidadáns a elaborar obras de arte con materiais de refugallo


Baixo o título “Recicla as túas ideas e convérteas en arte”, a iniciativa -que ten como obxectivo apoiar a conmemoración do Día Mundial da Reciclaxe o próximo 17 de maio- diríxese aos maiores de 18 anos

Tomando como referencia a economía circular, e con motivo da conmemoración do Día Mundial da Reciclaxe que terá lugar o próximo 17 de maio coincidindo co Día das Letras Galegas, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, lanzan conxuntamente un concurso nas redes sociais a través do cal pretenden promover a reutilización e reciclaxe dos residuos, poñendo en valor os recursos contidos nos mesmos.

Así, o principal obxectivo desta iniciativa é fomentar a estratexia europea dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), principal soporte de todo sistema de xestión de residuos, e que dá comezo coa prevención e a redución da produción de lixo por parte dos cidadáns. A continuación, segue a máxima reutilización dos produtos antes de convertelos en residuos e a correcta separación dos materiais contidos nos mesmos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma en enerxía eléctrica con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde.

Así mesmo, as vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, horta e/ou terras de cultivo, poden elaborar compost a partir da materia orgánica xerada, que empregarán posteriormente como acondicionador de solos pola súa capacidade para aportar nutrientes; un proceso que, ademais dos conseguintes beneficios ambientais, trae consigo importantes vantaxes económicas e sociais. De feito, xa son 171 as entidades adscritas ao programa da compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 5.200 composteiros.

Ideas con premio
Baixo o título “Recicla as túas ideas e convérteas en arte”, invítase aos internautas maiores de 18 anos de idade a elaborar as súas propias obras de arte con materiais de refugallo. Os que desexen participar nesta iniciativa deberán remitir ás redes sociais de Sogama en Facebook e Twitter “Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama” unha foto da súa obra, especificando o título da mesma, características, mensaxe a transmitir e tipos de residuos empregados na súa elaboración, debendo deixar constancia igualmente do seu nome e localidade á que pertence.

O prazo de participación dá comezo hoxe, 15 de abril, e concluirá o propio 17 de maio.

As imaxes recibidas serán publicadas na páxina web e redes sociais da compañía pública, así como en calquera outro soporte divulgativo considerado de interese.

As bases atópanse a disposición dos cidadáns na súa páxina web da entidade www.sogama.es.

Os traballos recibidos no marco desta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado que estará conformado polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, un representante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e dous vogais.

Establécense tres premios que consistirán en lotes de produtos e/ou prestación de servizos acreditados coa marca “Galicia Calidade” e valorados en 240, 180 e 120 euros. Os galardoados recibirán, a maiores, unha serie de artigo de merchandising de Sogama, así como un xogo de bolsas de recollida selectiva reutilizables (de aproximadamente 20 litros de capacidade cada unha –amarela, azul e verde) para facilitar a separación de residuos en orixe.